presentación
Este Máster Propio da USC (60 créditos) céntrase no ámbito do coñecemento específico da arte das últimas décadas, abarcando desde aspectos conceptuais e críticos, ata a práctica do mundo dos museos e a xestión da arte contemporánea. Está orientado a todos aqueles que queiran formarse como profesionais especializados no mundo da arte contemporánea: crítica, museos, centros de arte, galerías. Para entender todos estes fenómenos adoptaranse ademais dos métodos tradicionais, modelos transversais combinados con clases e obradoiros de tipo práctico.
Está dirixido a Licenciados ou Diplomados en Historia da Arte, Historia, Xeografía, Filosofía, Filoloxía, Humanidades, Ciencias da Comunicación, Socioloxía, Belas Artes e Arquitectura, así como a profesionais do sector con experiencia acreditada. Entre o seu persoal docente atópanse profesionais de recoñecido prestixio como Simón Marchán, Estrella de Diego, Gloria Moure, Jesús Carrillo, Joâo Fernandes, Alberto Ruiz de Samaniego entre outros especialistas, nacionais e internacionais.

OBXECTIVO. O Máster naceu de cubrir carencias do sistema universitario actual mediante a formación especializada na arte do século XX de toda unha xeración de alumnos de carreiras como Belas Artes, Historia da Arte, Filosofía, Ciencias da Comunicación e Humanidades en xeral. Creación, intermediación, xestión e dirección de proxectos artísticos de cara á profesionalización é o obxectivo fundamental deste curso que tenta que as competencias adquiridas teñan a súa aplicación no mundo laboral.
VÍNCULO COA REALIDADE. Co máster intentábase cubrir unha nova demanda social. Nos últimos vinte anos naceron no Eixo Atlántico –o percorrido entre Ferrol e Porto– entre 30 e 40 espacios vinculados coa arte contemporánea. A nova situación obrigaba a facer un esforzo formativo sen precedes, adaptado a esa realidade. Dous tercios das clases teñen lugar nunha desas institucións: as salas do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea).
PRÁCTICAS E ÁMBITO LABORAL. Para facilitar esa relación coa realidade e a inserción laboral do alumnado articulamos un sistema de clases e prácticas adaptado á situación actual do mundo profesional:
- OBRADOIROS a cargo de profesionais desas novas institucións e do mundo da crítica de arte. Escrita de críticas en prensa especializada (Art notes, ...)
- PRÁCTICAS nas institucións máis representactivas de Galicia (xunto co CGAC, o MARCO, MACUF, FUNDACIÓN LUIS SEOANE, AUDITORIO DE GALICIA, ESPACIO ATLÁNTICO).
- COMISARIADO DE EXPOSICIÓNS dos alumnos (tanto colectivas como individuais) xurdidas dos propios obradoiros (Fundación Torrente) e dun concurso coa ZONA C (espacio para xoves artistas do Concello de Santiago) ao que só poden acceder os alumnos do máster. Ata o presente xa se fixeron 5 EXPOSICIÓNS comisariadas polos alumnos con artistas reais e financiamento real.
PROFESORADO DE PRESTIXIO. Para dar forma a este proxecto non bastaba con botar man dos profesores da USC. Precisabamos contar con moitos técnicos das institucións citadas e con algúns grandes especialistas en arte contemporánea, todas elas figuras de recoñecido prestixio, tanto nacionais como internacionais, do mundo da arte contemporánea.