Entre a razón e a pel

140 Proxecto. Entre a razón e a pel.Entre a razón e a pel.

Zona C. Santiago de Compostela.
Do 17 de xuño ao 12 de setembro de 2010

 

 

 

Comisaria: Ana Belén Amado Pazos
Artista: Nuria Ruibal

 

Texto presentación:

A imaxe do nobelo como xerme fundamental anuncia xa a orixe de calquera desenvolvemento posterior, preludia o comezo de toda vida. Recollido en si, esperta o noso desexo e invítanos a dar o primeiro paso. Sinais do corpo, desexos, emocións, pensamentos, ofrécense á ollada interior formando unha unidade inextricábel, a unidade do eu, que se expón e manifesta externamente. Así é como de fíos e nós imos, contra a intuición, do dentro ao fóra.

134  

Buscamos, apaxamos, tenteamos na penumbra da nosa materialidade, paseamos do signo da vida oculto en nós á súa expresión e afloramento como signo visíbel. O noso límite expresivo é pois, unha saída á superficie: o rostro, que leva tras de si a maior das escuridades, non tanto o silencio  como o non dito. Cada xesto acusa algo, unha parte mínima reveladora da nosa maneira de nos enfrontarmos ao mundo. Un a un, minúsculos acontecementos férennos e apuntálannos como alfinetes no infinito goteo de instantes do agora. E onde hai dor, hai tempo que pasa, identidade que se forxa.

Así como o limiar nos advirte da porta, o autorretrato é, finalmente, saída e solución, o espirse de todo conflito, un desvelo do enigma do nobelo, o enigma de todo principio. A dinámica do desexo é circular e coagulante. O comezo e a fin precísanse e confúndense, e ese xogo é para sempre.

Entre a razón e a pel, unha instalación efémera, de estrutura delicada e sutil, é unha metáfora inmediata no dobre sentido de translación ou transporte, e de remisión a outra realidade: a construción existencial do ser humano no seu modo de estar no mundo, de se coñecer e se expresar a si mesmo, así como de estabelecer relacións comunicativas cos outros.

Web