Trinta galegos no Madrid capital da arte contemporánea
Fonte: xornal.com
A vindeira semana, Madrid estará no punto de mira de todo o mundo da arte contemporánea, xa que o 17 de febreiro abren as súas portas oficialmente as edicións 2010 de ARCO, a feira máis importante da Península, sempre rodeada en polémica nos últimos anos, e Art Madrid, o encontro especialmente centrado nas galerías españolas que serve de alternativa ao xigante do Ifema. Alí, entre as obras seleccionadas por algunhas das mellores galerías do mundo, haberá 30 artistas galegos competindo.
En Art Madrid, onde hai cinco galerías galegas presentes –Atlántica, Marisa Marimón e Trinta no programa xeral, e Moret Art e Metro no Young Art–, hai polo menos 16 artistas do país nos expositores. Pola súa banda, en ARCO, onde a representación en canto a galerías se reduce a tres –Adhoc no programa xeral, e Factoría Compostela e Bacelos en ARCO 40–, pódense contar ata doce artistas galegos, xa que moitos dos máis coñecidos acoden representados por galerías de fóra. É o caso do lalinense Antón Lamazares, que chega a ARCO por partida dobre, coa galería madrileña Álvaro Alcázar, e coa alemá Kai Hilgemann. O seu Domus omnia pódese ver xunto a estas liñas. Con Álvaro Alcázar tamén vai a ARCO o pintor lucense Antonio Murado, que está afincado actualmente en Nova York e é un dos artistas galegos máis respectados.
Do mesmo xeito, a madrileña Fúcares leva con ela a un artista mozospero con moito xa demostrado, como Rubén Ramos Balsa, de Compostela, e a Sofía Jack, unha galega afincada en Madrid que prefire non dicir o seu lugar de nacemento. Dende Lisboa, galería de Carlos Carvalho expón no Ifema varias fotografías de Manuel Vilariño, artista coruñés que adoita estar no catálogo da galería viguesa Bacelos.
Galerías galegas.
Bacelos participa este ano en ARCO 40, onde as condicións son expoñer a non máis de tres artistas en non máis de 40 metros cadrados. A súa aposta galega é o escultor Ángel Núñez. En ARCO 40 tamén está Factoría Compostela, que leva un proxecto con tres artistas, Manuel Sendón, da Coruña, o vasco Jesús Pastor, afincado en Pontevedra, e a cubana Aimée García.
No programa xeral, Adhoc, unha das mellores galerías de Galicia, exhibe os seus artistas habituais. Suso Fandiño, Xoán Anleo, Nano 4814, e Jorge Perianes.
Pola súa banda, en Art Madrid, o foro alternativo a ARCO, a potente galería compostelá Trinta acode con Juan Bosco, Berta Caccamo, Pamen Pereira, Teo Soriano e Xosé Freixanes. Este último pintor está presente por partida dobre, xa que tamén está no catálogo da galería madrileña May Moré, que ata este ano era habitual de ARCO, pero decidiu baixarse do carro ante a polémica pola intrusión da dirección do Ifema na escolla de galerías.
No programa xeral de Art Madrid tamén estarán Salvador Cidrás, Santi Jiménez, María Puertas e Iván Prieto, pois acoden coa galería ourensá Marisa Marimón.







