Olveira: “O xerente é quen debe explicar a débeda do CGAC”

Fonte: xornal.com

Manuel Olveira, quen foi director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), asegurou onte que cando el deixou o museo, no pasado mes de xuño, “a partida orzamentaria para a adquisición de novas obras estaba sen tocar”, e ascendía a 600.000 euros, polo tanto, se agora hai un burato de 400.000 euros, como denunciou o Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o pasado venres, “será porque o xerente, Manuel Arroyo, non tramitou a execución económica como estaba previsto”.

Olveira asegura que poucos días antes da súa marcha houbo unha unha reunión do Padroado –organismo responsable da xestión do museo– na que Arroyo, “que leva no cargo máis de dez anos, presentou un informe económico no que se pode comprobar a pequena cantidade do orzamento que fora gastada nesa data. Afirma tamén que as compras que el realizou, “sempre segundo a normativa do CGAC, que foi deseñada polo PP”, ascendían a 400.000 euros, polo que agora o centro debería de ter 200.000 euros dispoñibles para facerse con novas obras. Olviera asegura que está “sorprendido” de que o Conselleiro anunciase que este ano non se ían mercar máis pezas.

Olveira continúa a sinalar que que “na segunda metade do 2009, o CGAC decidiu eliminar varias exposicións previstas –Ruido, Smijewski e Aranberri–, atrasar algunha para 2010 –caso de Dandismos, inaugurada o venres–, e deixou de facer a mostra da colección que estaba prevista para novembro do pasado ano en Sao Paulo, polo que é imposible que poida ter débedas”.

O que fora director do centro público destaca tamén que o anuncio da mala situación financeira fíxose nun momento “inapropiado”, é dicir, durante a inauguración dunha nova mostra e na mesma fin de semana que se celebra a Feira Espacio Atlántico en Vigo –na que o CGAC non fixo ningunha adquisición, algo que chamou a atención no sector– polo que Olveira di que “parece que a empregan como escusa”.

“O actual director sabe que eu non deixei ningunha débeda. No caso de habela, insisto, será porque o xerente non tramitou a execución do orzamento do 2009 tal e como estaba previsto”, conclúe Manuel Olveira a súa explicación.