Espacio Atlántico cumpre obxectivos, pese ás poucas compras institucionais

Fonte: xornal.com

A feira de arte Espacio Atlántico rematou onte en Vigo tras recibir a visita de 30.000 persoas, e cun balance de ventas que deixou satisfeito á organización e aos participantes. Segundo declaran dende a organización, as máis das galerías participantes cumpriron os seus obxectivos de ventas, sobre todo as que viaxaron dende Portugal e Madrid.

O director artístico da cita que ata o ano pasado era coñecida como Puro Arte, David Barro, afirmou: “Estou convencido de que todo isto só foi un primeiro paso e non só superamos as expectativas senón que pechamos grandes principios de acordo para a próxima edición”. Declarouse tamén satisfeito “polo diálogo coas galerías para elevar os niveis de calidade”, xa que era unha das contas pendentes en edicións anteriores, que se resolveu ben.

Pola súa banda, a directora xeral, Marta Scarpellini, recoñece que nestes días se creou “un punto de partida moi asentado, dende o que se pode adicar máis tempo a mellorar algúns aspectos, como o apoio institucional no referente ao coleccionismo”. Destaca “o acordo global que alcanzaron as forzas políticas, creando unha plataforma fantástica para continuar traballando”, pero insiste en que hai pasos que mellorar no ano próximo.

Un deles, como menciona, son as compras institucionais, que estiveron lastradas pola crise pero non foron inexistentes. A máis destacada foi a da Fundación Pedro Barrié de la Maza, que ampliou a súa colección de pintura contemporánea internacional cunha serie de adquisicións por máis de 300.000 euros. Caixanova ou a Fundación María José Jove tamén pasaron por caixa, aínda que con cifras menores.

A caixa centrouse nos autores galegos e adquiriu pezas como os traballos de Vicente Blanco, Leopoldo Nóvoa, Rita Magalhaes David Morago, Manuel Vilariño, Daniel Canogar, Jorge Perianes, Antía Moure ou Xoán Anleo, entre otros. A Fundación, pola súa banda, mercou unha gran peza do alemán Georg Baselitz.

Houbo unha ausencia destacada, aínda que non comentada oficialmente, a do CGAC, que colaborou na organización do evento, pero non no desembolso. Para compensar, a organización destaca que “foi moi importante a asistencia de coleccionistas privados, que responderon con fartura a esta convocatoria”, cumplindo as espectativas das galerías participantes.

 Colección Espazo Atlántico.

Por outra banda, a propia feira iniciou este ano a súa propia colección Espacio Atlántico, “cun orzamento modesto, que mellorará en anos vindeiros”, segundo os organizadores. Iníciase coas obras de artistas como o brasileiro José Bechara, o portugués Francisco Tropa, os españois Ana Soler e Karmelo Bermejo, así como os galegos Misha Bies Golas e Antía Moure, que serán depositadas no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco). A idea é que esta colección se integre nas propostas expositivas do Marco, e por iso as compras realizáronse co asesoramento do seu director, Iñaki Martínez Antelo.