O CGAC gastará preto de 100.000 euros en ARCO

Fonte: xornal.com

O Centro Galego de Arte Contemporánea terá que invertir este ano uns 100.000 euros en ARCO para ampliar a súa propia colección, segundo informou o director do museo, Miguel Von Haffe. A pesar de que hai menos dun mes, durante a celebración da feira de arte Espacio Atlántico en Vigo, o propio Von Haffe e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, aseguraron que as contas do CGAC estaban case a cero e non permitirían adquirir novas obras, o museo compostelán non pode librarse de mercar en ARCO, xa que ten un convenio asinado coa feira madrileña.

A colección ARCO, é dicir, as pezas que a organización da feira merca para si mesma, durme no CGAC dende 1996, por mor dun acordo entre as dúas institucións. Por unha banda, iso permítelle ao museo dispor das pezas alí gardadas para organizar exposicións. Por outra, o CGAC ten a obriga de gastar, como mínimo, 90.000 euros todos os anos para adquirir pezas en ARCO.

Ata o de agora, as compras do CGAC en ARCO sempre superaron o mínimo establecido. En 2009, o museo gastou 150.000 euros, e 13.000 o ano anterior. Segundo declara Miguel Von Haffe, a factura deste ano superará tamén os cen mil euros, unha noticia que pode resultar contraditoria despois das protestas do sector da arte galega porque o centro de Santiago non destinase nin un só euro a Espacio Atlántico en Vigo. Von Haffe argumenta que non pode romper o acordo e que “a colección ARCO é fundamental para o CGAC”.